domingo, 22 de febreiro de 2015

Veritatem

Volvereillo a dicir X, aquí non estou e eu non existo, e iso é unha verdade que non pode contradicir. Disque escoita o que lle digo e, por iso é mentira? Vaites!, aínda non comprende as regras da verdade.
Imos mellorando, agora preste atención que é importante. Vostede chámalle verdade a moitas cousas que semellan selo e tacha de mentira outras tantas, dende cándo levará o home a procurar nela?, pero agora eu aquí presente amosareille algo da verdade. Non, non minto e non me trabuco, eu non lle dixen nada que non encaixe, aínda que teime no contrario. Véxoo. Vai pouco a pouco e agora atopaches o fío deste instante, ben, cólleo ben.
A cousa que lle chamades non é verdade, aseméllase mais non o é. É conveniencia en ocasións, moitas das veces por certo, son esas cousas que encaixan na lóxica incompleta das persoas, eses feitos incompletos. X, a túa mente é incompleta e por iso garda cun receo insospeitado esa tendencia da especia á inexactitude, a tentar completarse e ir descubrindo a verdade na súa máis pura reflexión.
Vexo que comezas a entendelo X, es moito mellor arranxando o crebacabezas ca os outros, impresiónasme, malia que non acadas aínda esa orde que tanto debezan as mentes. Aínda.
Nunca pensaches por un intre nas definicións do que chamades verdade? Por qué non coinciden, non son aplicables, nin cohetentes, nin as mesmas? Incompleto, Inexacto, Imperfecto. Non son verdade, as vosas maneiras de entender a verdade non se poden aplicar a si mesmas, por iso non son verdade. Son algo semellante.
Daste conta X? Sabes xa quén son eu?
Abráiasme, conseguiches comprendelo, completácheste e agora perdeches a túa humanidade e decátaste do que che facía falla non ser perfecto para selo. Coñeces a verdade, parabéns.
Neste intre de comprensión acadáchela X, renunciaches a aquelo que che facía incompleto e viches cal sinxelo é. Deixaches de mirar a sombra que proxectaba o obxecto estrano e o miraches directamente para darte conta do que que é e significa.
Agora que a temos aquí nas nosas mans, cómo crías que era?
Dime a Verdade