xoves, 7 de novembro de 2013

Textura de soños

Soños quentes e suaves,
como lembranzas quedas
e nubes brancas.

Soños fríos e refrescantes,
coma noites de verán
e mañás novas.

Soños amargos e mornos,
coma os luns ao espertar 
e veciños que non dormen.

Soños recendentes e incandescentes,
coma os primeiros amores
e as primeiras veces.

Textura de soños,
 coma fume rosa 
e recordos da vida.

Ítaca

Lonxe, moi lonxe,
onde os sentimentos
non chegan
e as bágoas non caen.

Alá onde o mundo remata,
onde as augas se perden
onde o ceo cae.

Alá atópase voltando a Ítaca.
Na barca de vela,
co trapo dun tear.

Alá volta,
perdido en mundos
por imaxinar,
en mares de soños.

Pero volta,
Volta a Ítaca,
volta ao fogar,
 volta por saber amar.

mércores, 6 de novembro de 2013

Érguete!

Érguete terra!
Abre as montañas
e pecha os vales!

Érguete mar!
ruxe coa furia 
do teu trebón!

Érguete ceo!
racha os ventos
e rompe os lóstregos!

Ergédevos e marchade!
marchade contra
 esta escuridade
no nome da nosa liberdade!

Retorno

A volta ao fogar,
onde o tempo non pasa,
onde as lembranzas son mornas,
onde o mundo non xira.

O regreso a esa terra,
 onde a xente non o é,
onde as árbores respiran,
onde as pedras falan.

Retorno a ese lugar,
pequeno e cálido,
retorno do neno.

Navegante do solpor

Navegante do solpor,
sente o vento do norte
e as ondas do sur.

Navegante do anoitecer,
sente o son do leste
e as verbas do oeste.

Navegante do seu destiño,
navegue polo seu camiño,
rumbo ao amencer.

Sempre extinta

Mel do amor, ambrosía da alma,
sempre extinta no corazón.

Esvara polos meus dedos a paixón nunca probada,
sempre extinta no corazón.

Luscofusco eterno do ceo dos meus soños,
sempre extinto no corazón.

Momentos roubados dunha vida perdida en sentimentos,
sentimentos sempre extintos no corazón.

Vento

Vento negro e frío,
bate na pedra do esprito.

vento escuro e maldito,
racha a árbore da mente.

Vento estixio e mortal,
destrúe o crepúsculo do corazón.

Enredando versos

Aquí estou enredando versos,
coma unha vella que enreda lá.

Aquí estou construíndo verbas,
coma un pequeno arquitecto con bloques de madeira.

Aquí estou remexendo tinta,
coma unha lura do mar.

Aquí estou navegando nas palabras,
coma un mariño dos que non quedan.

Aquí estou enredando versos,
porque descubrín o seu son.


Poema composto en homenaxe ao proxecto poético enredando versos.

Un bico...

Por un bico...
Viaxaría polo mundona súa busca,
dende a greta máis profunda ata a montaña máis alta.

Por outro bico...
Rompería todas as fronteiras do camiño
e todos os muros da alma.

Por un último bico...
Viaxaría ata o solpor da túa vida
e coidaría da túa alma máis aló da miña.

Por outro máis...
Nin sei que faría.

Libro

Lembro cando o descubrín
Incluso as primeiras palabras
Buscando o ritmo e a rima
Renovaron ideas e historias
Onde ninguén pode cambialas.

Sempre

Sempre viva
Sempre primaveira
Sempre libre
Sempre ti.

Pensamento

Con bolígrafo cavilante
escríboche estas liñas.
Estou farto desta soidade en compañía,
lembro o carabel ardente,
a quentura e o olor.
Disipa a chuvia gris,
pase o lucecú estelar,
escríboche para lembrar.
Lembrar cómo amar.

Trazo do Embrema

Embrema Branco
Convídovos a vir e ler eses primeiros pasos, a sentir un chisco máis e a camiñar esta parte da viaxe. Invítovos a novos mundos nados nunha imaxinación que agroma pouco a pouco. Tamén aléntovos a albiscar os horizontes do sentimento sinxelo e limpo, aínda inocente.
Guiados polo corazón ou polo sino, todos buscamos unha razón: Que quero?, Quen son?... Pero todos levamos unha segreda razón marcada nun sentimento, o noso embrema.